Monday 29 de April de 2024

Luz verde do concello a melloras en nove colexios do municipio por máis de 61.000 euros


O Concello de Riveira vén de aprobar na última xunta de goberno, celebrada onte, a activación de novas melloras en nove colexios por valor de máis de 61.461 euros.

Entre as melloras consignadas, atópase a realización de reparacións nos colexios O Grupo, Artes, Deán, Olveira e Palmeira por 43.420,49 euros. Entre as devanditas reparacións atópanse a instalación dunha liña de pluviais e a pavimentación con formigón semipulido nunha zona do patio do colexio O Grupo, a substitución de portas de acceso e o cambio de sistema de apertura de persianas no colexio de Artes, a substitución de fiestras nunha das aulas do colexio de Deán, a instalación dunha cuberta de 10,5×15 metros no colexio de Olveira e a instalación dunha marquesina e unha coqueta eléctrica para automatizar a porta do colexio de Palmeira.

Outro dos investimentos aprobados é o que ten por obxecto a pavimentación con aglomerado da zona de aparcamento do colexio Heroínas de Sálvora en Aguiño: unha actuación que se vai aos 14.154,22 euros. A este respecto, cómpre remarcar que a zona de aparcamento para profesorado atópase máis baixa que a estrada e carece dun pavimento axeitado, razón pola cal acumula auga e resulta intransitable durante o inverno. Co fin de solucionar esta eiva vanse colocar varias reixas que recollan a auga nos puntos máis baixos e que conecten coa rede de pluviais existente e pavimentarase con aglomerado asfáltico.

Outras partidas aprobadas son as que teñen por obxecto o pintado de liñas da pista deportiva do colexio Pé do Corniño en Carreira, a instalación de enchufes, construción de 4 armarios e remodelación da varanda exterior do CEIP de Frións, o pintado do muro exterior e construción dun moble empotrado no colexio da Capela en Carreira; a substitución de tres portas apolilladas no colexio de Deán; a colocación dun novo telefonillo, pintado da entrada e mellora do punto de saída das augas pluviais do patio do colexio de Artes; a colocación dunha arqueta para recollida de pluviais, pintado de reixa existente e instalación de protectores de portas no colexio de Palmeira, e o pintado do patio interior do CEIP O Grupo. Todo isto suma un total de 3.887,19 euros.